Proxecto

O IES Maximino Romero de Lema presenta a súa candidatura A Argallando co proxecto “Namórate do rural”.

 

O proxecto implica a toda comunidade educativa: alumnado da educación secundaria obrigatoria, formación profesional e primaria. Participa profesorado de distintos departamentos, pais, nais, avós e avoas, irmáns  do alumnado e persoal non docente do centro.

 

Quixemos espertar o espírito investigador do noso alumnado, que recuperou e colectou lendas, contos, refráns e outros elementos da tradición oral da zona, patrimonio inmaterial das comarcas de Bergantiños e Soneira.

 

Para iso fíxose uso das novas tecnoloxías, utilizando a intelixencia artificial, mapas na nube, e repositorios audiovisuais. Xustifica o seu uso a capacidade de difusión e facilidade de arquivo que nos permite a permanencia do proxecto alén deste concurso, enriquecendo e preservando o patrimonio inmaterial.

 

A recolleita levouse a cabo durante os últimos meses e tivo un importante impacto no traballo colaborativo do alumnado, familias e profesorado. A coordinación recaeu sobre dous profesores de FP da rama de Informática e un profesor de Tecnoloxía, o que permitiu fornecer de recursos ós participantes para poder utilizar tecnoloxías ó servizo da preservación do patrimonio inmaterial.

 

Outra das cousas que destacamos de “Namórate do rural” foi o seu papel transversal entre xeracións implicando a distintos rangos de idade, nun proxecto que debería ser extensible a outros centros educativos polo valor que ten na recollida da tradición oral, en verdadeiro risco de perderse.

 

Mantivéronse reunións de coordinación previas para captar o gran número de participantes cos que conta “Namórate do rural“.

 

A directiva do centro prestou toda a colaboración e púxonos en contacto cos familiares para explicarlles o traballo a realizar.

 

PARTICIPACIÓN:

 

Alumnado:

  • 3ºESO

Profesorado:

  • Departamento de Informática.

  • Departamento de Tecnoloxía.

Persoal non docente:

  • Conserxería

Familias do alumnado.

 

LIÑA TEMPORAL:

  • De xuño a setembro: Traballo de campo. Recollida de lendas, contos e historias. Púxose en valor distinto material presente no centro para o proxecto.

  • Setembro a outubro: formación ó alumnado, familias e profesorado.

  • Outubro: Edición e publicación de contidos.

RECURSOS UTILIZADOS:

  • Aula de polos creativos: Grazas a esta aula que conta con importante material puidemos facer a cabo tarefas de gravación de vídeo e son e a súa posterior edición.

  • Radio Baio: A radio do noso IES utilizouse para gravar algún son de estudio necesario no proxecto.

  • Dron do instituto: O IES conta cun dron conseguido polo alumnado ó gañar outros certames que nos permitiu facer gravacións aéreas.

  • Aula de informática: Nela levouse a cabo a formación ó alumnado e profesorado tamén se utilizou para publicación dos contidos.

Non se realizou ningún gasto económico lonxe do material que xa estaba presente no Instituto.

En todo momento contamos con recursos suficientes para poder realizar a nosa labor.

Elementos para a xeración dun repositorio das pezas recollidas:

  • O alumnado optou pola creación dun blog accesible dende http://maxi.iesmaximinoromerodelema.gal/

  • Trátase dun blog con tecnoloxía WordPress

  • Para almacenar os vídeos o alumnado optou por Youtube pola súa facilidade de uso e tamén pola difusión.

  • Para almacenar os sons optaron pola plataforma Soundcloud.

  • Para localizar as pezas orais recollidas utilizouse a tecnoloxía Google “My Maps”.

  • O alumnado fixo uso da intelixencia artificial xerativa para animar con voces do profesorado a Eduardo Pondal, Enrique Labarta Pose e Emilia Pardo Bazán, escritores da zona de relevancia galega. Así mesmo, utilizaron IA para a xeración de imaxes que non tiveran dereitos de autor e necesarias para o proxecto. Toda esta formación foi impartida dende a materia “Intelixencia Artificial para a sociedade”, aproveitando sempre os recursos educativos do centro.

UNHA VEZ FEITO, TOCA VALORAR A EXPERIENCIA:

 

Como xa destacamos en liñas anteriores, este proxecto naceu coa vocación de conectar distintas xeracións, cremos que é algo que se acadou con creces. Avós, netos, nais e pais, familias anpas, alumnado de distintos niveis formativos e ramas, profesorado de distintos departamentos e persoal non docente, fixeron seu un proxecto de centro para a recuperación da nosa cultura popular.

 

Outro elemento a reflexionar é o papel que tivo o uso das novas tecnoloxías ós servizo deste proxecto. A tradición e a tecnoloxía poden ir da man, foi unha das meirandes conclusións que puidemos extraer da nosa participación no concurso.

 

VISUALIZAR O TRABALLO DO CENTRO É IMPORTANTE:

 

Para nós resultou de moito interese, ó igual con outras experiencias previas, poder visualizar o traballo feito na aula e poñelo ó servizo da sociedade.

 

Forman parte das competencias dixitais do alumnado e profesorado: a edición dun vídeo, o manexo de ferramentas como un blog, a realización de gravacións e a súa publicación.

 

Grazas á iniciativas como Argallando, o noso traballo sae do centro. Constitúe deste xeito un elemento motivador para o alumnado que ve un fin nos traballos realizados alén do papel crucial que pode ter un proxecto coma o noso na recuperación da tradición oral, sen consumo de recursos prohibitivos.

 

NAMORADOS DO RURAL É UN PROXECTO VIVO:

 

O proxecto que nace seguirá aberto para continuar recollendo historias, lendas, contos e tradicións da zona por parte do alumnado. O departamento de Lingua Galega e Normalización Lingüística xa amosaron o seu interese por seguir dando continuidade ó mesmo. Non esmorecerá coa presentación ó concurso.

 

Tentarase seguir ampliando a súa participación a outros cursos dentro do IES, utilizando o proxecto en unidades didácticas nas materias que sexa posible. Converteremos “Namórate do rural” nun proxecto educativo a valorar cada curso.

 

COORDINADORES DO PROXECTO:

 

Formaron parte do equipo coordinador do proxecto os profesores Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo e Franscisco Velo Quintela.